Caldeirada de pinto con parmentier de pataca e fabas

FacebookTwitter
Caldeirada de pinto con parmentier de pataca e fabas
INGREDIENTES

Ingredientes para 4 persoas: 

  • 1 pinto de 1,5 kg- 2 kg 
  • 200 gramos de faba de marisco (ou calquera outro tipo de faba) 
  • 4 patacas grandes 
  • 1 tomate 
  • ½ pemento vermello 
  • 1 cebola 
  • 1 cabeza de allo 
  • 2 follas de loureiro 
  • aceite de oliva virxe extra 
  • pemento doce 
  • sal 

O restaurante Liresca de Cee proponnos un prato elaborado con produtos da Costa da Morte: o pinto foi comprado na lonxa de Fisterra e vai acompañado dunha parmentier de pataca de Coristanco e de “fabas do marisco” (alubia verdina da Costa da Morte).

Elaboración:

Para a parmentier, cócense as patacas nunha pota con sal, un anaco de cebola, unha folla de loureiro e un chorro de aceite de oliva virxe extra. Cando as patacas estean cocidas, písanse con axuda dun garfo, e e pásanse por un chino.

Noutra pota férvese auga con sal, media cebola, medio pemento, 3 dentes de allo, un tomate enteiro e un chorro de aceite de oliva virxe extra. A cantidade de auga ten que ser suficiente para cubrir ao ras as fabas, pero as fabas non se botan aínda na pota. Cando as verduras estean cocidas, sácanse da pota, bátense e volven a poñerse na pota xunto coas fabas. Deíxase ao lume ata que as fabas estean cocidas. 

Deslómase o pinto limpo e córtase en 4 cachos.

Sálgase 20 minutos antes da súa preparación. Cócese, preferentemente ao vapor ou, no seu defecto, na auga sobrante da cocción das patacas. 

Nunha cazola prepárase unha allada sinxela con aceite de oliva virxe extra e 5 dentes de allo. Unha vez cocidos os allos, apágase o lume e engádeselle unha cullerada de pemento doce. 

Empratado: 

Colócase unha cama de puré de pataca, sobre a que se poñen as fabas e, coroando o prato, o lombo de pinto. Regamos todo cun bo chorro de allada e... listo para comer!