Sargo curado con guacamole, queixo San Simón e algas

FacebookTwitter
Sargo curado con guacamole, queixo San Simón e algas
INGREDIENTES

Ingredientes (1 comensal):

  • 1 sargo de aproximadamente 300 g
  • 1 kg de sal gordo
  • Mostaza
  • Salsa de soia
  • Salsa Perrins
  • Tabasco
  • 2 limóns
  • Sal
  • Pementa
  • AOVE
  • 1 aguacate
  • 1/2 cebola morada
  • 1 tomate
  • Coriandro
  • Queixo San Simón
  • Alga codium

Receita cortesía de Maica Couto e Diego Domínguez (A Ostrería – Nave 5 - Santiago de Compostela).

Preparación:

Primeiro comezamos limpando o sargo eliminando espiñas e pel. Unha vez separados os lombos colocarémolo nun recipiente xunto co kg de sal gordo, de xeito que o cubra completamente, e deixarémolo repousar no frigorífico durante unha hora. Posteriormente retiraremos todo o sal pasando os lombos por auga e secándoos. Chegados a este punto xuntaremos o sargo co aliño do tartar o cal elaboraremos mesturando ao gusto mostaza, salsa de soia, Perrins, tabasco, zume de limón, sal, pementa e AOVE.

Para elaborar o guacamole esmagamos o aguacate e picamos en brunoise media cebola e un tomate, mesturamos todo e aderezamos co zume de medio limón, sal, pementa e un pouco de coriandro e AOVE.

Para a presentación, colocamos unha cama de guacamole, sobre ela o sargo co aliño e, para rematar, queixo San Simón relado e un pouco de alga codium.