Xarda con emulsión do seu escabeche

FacebookTwitter
Xarda con emulsión do seu escabeche
INGREDIENTES

Ingredientes para 4 persoas:

  • 4 xardas en lombos
  • 500 ml de aceite de oliva virxe extra dunha variedade suave
  • 1 allo porro
  • 1 cenoria 
  • 2 follas de loureiro
  • 2 dentes de allo
  • 4 cravos 
  • 15 grans de pementa negra
  • 200 ml de viño branco
  • 150 ml de vinagre de viño branco
  • 35 gr de sal
  • 1 litro de auga

Desde o Restaurante Salitre de A Coruña, propóñennos unha receita de xarda que triunfou polo seu sabor e frescura na última edición do Fórum Gastronómico de A Coruña.

Elaboración:

Retiramos a parte superior da pel das xardas e mergullámolas na salmoira que prepararemos con 1 litro de auga fría e 35 gramos de sal. Diluímos ben o sal cun batedor e deixamos as xardas mergulladas durante unha hora na neveira.

Mentres están as xardas na neveira preparamos o escabeche.

Nunha pota poñemos o allo porro cortado en toros e a cenoria previamente pelada e cortada en toros. 

Cubrimos co aceite e engadimos o allo, o loureiro a pementa e os cravos.

Deixamos confeitar a lume mínimo ata que as verduras estean brandas.

Engadimos o viño branco e deixámolo evaporar a lume medio-baixo durante 5-10 minutos.

Secamos as xardas e engadímolas ao escabeche co lume apagado. 

Unha vez cociñadas (3-6 minutos), sacámolas para que arrefríen e engadimos o vinagre ao aceite.

Cando arrefríe o escabeche introducimos as xardas para conservalas.